Avícola de Galicia. S.A.U. (Avigal)
Xa pasaron cincuenta anos desde a fundación de Avícola de Galicia S. A. U. (Avigal) no ano 1964. Foi creada por don Jaime Olmedo Limeses, que encabezou o grupo integrado por familiares e amigos que albiscaron na promoción do sector avícola unha oportunidade de negocio e que atoparon en Campañó o enclave ideal para a nova empresa.
Desde entón, Avícola de Galicia formou parte da paisaxe de Campañó, pero tamén do fogar de moitos veciños da parroquia e das parroquias limítrofes. Aínda hoxe son moitos os veciños que traballaron e traballan en Avícola de Galicia.
A empresa avícola pasou ao longo da súa vida por tres etapas fundamentais. A primeira delas durou nada menos que 26 anos, cando don Jaime Olmedo desempeñou o seu cargo como conselleiro delegado, apoiado, entre outros, polo seu estimado colaborador don Julio Martínez Moreira. Nas súas orixes, Avícola de Galicia estaba orientada ao mercado tradicional, coa pretensión de ampliar cada vez máis a súa área de distribución. A empresa, que daquela contaba con aproximadamente 80 traballadores, encargábase de todos os procesos relacionados coa produción avícola, desde galiñas reprodutoras ata a sala de incubación, fábrica de pensos e mesmo matadoiro.
Xa pasaron cincuenta anos desde a fundación de Avícola de Galicia S. A. U. (Avigal) no ano 1964. Desde entón, Avícola de Galicia formou parte da paisaxe de Campañó, pero tamén do fogar de moitos veciños da parroquia e das parroquias limítrofes.
No ano 1990 don Jaime deixou paso a unha nova etapa e Doux Ibérica comprou Avícola de Galicia. Naqueles tempos Doux Ibérica era a primeira produtora de polos do que se coñecía como Comunidade Europea (hoxe, Unión Europea), e ao adquirir Avícola de Galicia alcanzou o 15 % das vendas de polos en España. Aquela foi unha etapa de mudanzas e innovacións que se traduciron en procesos cada vez máis automatizados cuxo fin último era ampliar o mercado garantindo e mellorando o servizo aos consumidores. O esforzo permitiu que a entidade Galicia Calidade S. A. lle outorgase a Avícola de Galicia a marca de garantía Galicia Calidade, o que supuxo o recoñecemento expreso de que a empresa conta coas materias primas da mellor calidade, producións óptimas e servizos excelentes.
No ano 2008 comezou a terceira e actual etapa de Avícola de Galicia, que foi adquirida polo Grupo Vall Companys. Este grupo empresarial de Lleida ten unha traxectoria de máis de 50 anos e entre as súas actividades principais están non só a produción avícola, senón tamén a produción gandeira porcina e o mercado das fariñas panificables. O carácter familiar tanto do Grupo Vall Companys coma o de Avícola de Galicia garantiron sempre que a fusión se fixese sen obstáculos e de xeito rápido. Actualmente está a rematar a terceira etapa de Avícola de Galicia cun proxecto de innovación, automatización das instalacións e creación de novos procesos produtivos que son a concreción dunha política de investimento constante orientada a a un crecemento progresivo.
Durante a súa longa vida, Avícola de Galicia adaptouse ás novas tecnoloxías, creceu e evolucionou constantemente.
Hoxe, cando se fan as vodas de ouro de Avícola de Galicia, xa se pode dicir que a empresa tivo unha longa traxectoria e que, malia as mudanzas internas, sempre permaneceu en Campañó. Cómpre engadir tamén que sempre contou cun excelente equipo de profesionais vinculados a Pontevedra e á súa bisbarra, implicados no día a día da empresa e tremendamente traballadores. Durante a súa longa vida, Avícola de Galicia adaptouse ás novas tecnoloxías, creceu e evolucionou constantemente, mantendo con coidado o mercado tradicional e estendéndose a novos mercados que apostan por novos formatos de produtos, sen esquecer nunca a necesidade de promover o emprego, garantir o benestar animal, o respecto ao medio, a integración paisaxística e, por suposto, a confianza dos consumidores.