Avigal
Vall Companys
Avigal
Receitas


RECEITAS
Empanada galega de polo
Empanada galega de polo

Empanada galega de polo

Ingredientes
Para a masa:
  • 50 ml de auga
  • 50 ml de aceite de oliva virxe
  • 50 ml de viño branco
  • 90 g de manteiga
  • 1 ovo
  • 15 g de lévedo deshidratado
  • 450 g de fariña forte
  • 1 culleradiña de sal
  • 1 ovo para pintar
Para o recheo:
  • 300 g de cebola
  • 150 g de pemento vermello
  • 150 g de pemento verde
  • 200 g de tomate triturado
  • 50 g de aceite de oliva virxe
  • 1 culleradiña de azucre
  • 1 culleradiña de sal
  • 200 g de solombo de polo
Preparación
Para 4 persoas.
Nun cunco vertemos a manteiga, a auga, o viño e o aceite, e quentamos durante 1 minuto no microondas. Engadimos o ovo e o lévedo e mesturamos. Incorporamos a fariña e o sal, mesturamos cunha culler de pau e rematamos coas mans se fai falta.

Tapamos e deixamos repousar a masa como mínimo durante media hora, ata que duplique o seu volume.

Para o recheo douramos o allo, a cebola, os pementos e o tomate que xa teremos cortado en xuliana. Engadimos sal e azucre. Cando xa estea rustrido, engadímoslle o solombo de polo picado e fritimos o conxunto. Reservamos e deixamos arrefriar.

Colocamos a metade da masa entre dous papeis de forno, estendemos cun rolete e pousámola sobre unha bandexa de forno cun papel de forno. Envorcamos o recheo e estendémolo deixando un bordo de 2 cm. Cubrimos coa outra parte da masa estendida e selamos os bordos. Pinchamos a superficie, pincelamos con ovo batido e enfornamos a 180° durante 30 minutos aproximadamente.

Polo con grelos e lagosta
Polo con grelos e lagosta

Polo con grelos e lagosta

Ingredientes
  • 4 zancos de BonPollo Gourmet
  • 2 colas de lagosta limpas
  • 1 monllo de grelos
  • 1 cebola branca picada
  • 1 dente de allo picado
  • 2 cravos
  • 1 rama de canela
  • 2 follas de loureiro
  • 20 g de manteiga
  • 2 culleradas de fariña
  • 1/3 de cunca de brandy
  • 4 tomates picados sen pel nin sementes
  • 1 litro de caldo de peixe
  • Sal e pementa
Preparación
Para 4 persoas.
Nunha ola con aceite, fritimos os zancos de polo sazonados ata que estean ben cocidos. Sofritimos as colas de lagosta uns minutos. Escaldamos os grelos en auga a ferver con sal e pasámolos a unha cazola con auga xeada para que queden firmes e verdes. Nunha tixola con manteiga pomos os grelos a refogar lentamente ata que se vexa que non soltan auga, isto é, ata que a auga se evapore. Reservamos.

Na mesma ola cociñamos a cebola co allo durante un minuto. Engadimos o cravo, a canela e o loureiro e refogamos. Agregamos o polo, a fariña e o brandy e remexemos durante un minuto. Engadimos o tomate e os grelos e deixámolos cociñar a lume maino durante 10 minutos máis. Incorporamos o caldo e cociñamos outros 15 minutos; introducimos a lagosta e salpementamos.

Deixamos repousar durante 5 minutos e servimos.

* O noso consello: Pódense substituír as colas de lagosta por lagostinos e así obtemos un prato delicioso a un prezo máis accesible.

Polo ao albariño
Polo ao albariño

Polo ao albariño

Ingredientes
  • 1 BonPollo Gourmet
  • 2 cebolas grandes
  • 3 dentes de allo
  • 1/2 botella de albariño
  • Tomiño
  • 1 folla de loureiro
  • 50 g de manteiga de porco
  • Sal e pementa
  • 1 limón
Preparación
Para 4 persoas.
Picamos o polo e adubámolo cun chisco de manteiga branca mesturada co sal, a pementa, un allo e o tomiño. Nunha cazola grande acomodamos todas as pezas sen que se monte ningunha por riba das outras, engadimos un pouco de aceite de oliva e deixamos fritir o polo tapado ata que se doure de xeito uniforme por ambos os lados. Retiramos do lume e reservamos.

Na mesma ola colocamos os dous allos restantes e a cebola cortada en aros finos; fritimos durante un mínimo de 15 minutos remexendo con frecuencia para evitar que se doure. Cando a cebola estea branda e transparente, engadimos as pezas de polo, regamos co viño, botamos a folla de loureiro e deixamos cocer lentamente durante unha hora.

Deixamos repousar e servimos.

* O noso consello: Permite acompañalo con calquera gornición: verduras salteadas, patacas, froitas á prancha.

Se queres unha salsa máis fina, podes triturala co batedor ou pasala polo coadoiro chinés.


Polo con mazá e castañas
Polo con mazá e castañas

Polo con mazá e castañas

Ingredientes
  • 1 BonPollo Gourmet
  • 2 mazás
  • 1/2 cebola
  • 150 g de castañas
  • 2 culleradas de aceite de oliva virxe extra
  • Sal e pementa
  • 200 g de ceboliñas francesas
  • 100 ml de viño doce
Preparación
Para 6-8 persoas.
Prequentamos o forno a 180 °C. Pelamos e picamos a cebola e unha das mazás, e introducímolas na cavidade do polo. Atamos a ave para que conserve a forma e untámoslle a pel con aceite. Asámolo ao forno durante 1 h 30 min.

Entrementres, pelamos completamente as castañas: facémoslles un corte na pel e escaldámolas en auga a ferver para que pelen mellor. Descarozamos as mazás e picámolas en cuarteiróns sen pelar. Pelamos as ceboliñas; tamén pelan mellor se as mollamos antes en auga moi quente. Colocamos as mazás, as ceboliñas e as castañas ao redor do polo. Regamos co viño doce e volvémolo meter no forno, desta volta a 160 °C durante 1 h 30 min máis. Se o polo se doura demasiado, cubrímolo con papel de aluminio.

Sacámolo do forno, salpementamos e deixamos repousar durante 10 minutos.